Boletín das Ciencias, núm. 90, páx. 61-74 (2020).
https://doi.org/10.54954/202090061
Acceso ao artigo completo en PDF
Primo Levi, a Táboa Periódica e máis eu
Constantino Armesto Ramón (IES Illa de Tambo)
Volvín ler “A táboa periódica”, un fermoso libro escrito por Primo Levi. Se xa me gustaba cando se publicou en España no ano 2004, esta segunda lectura deleitoume, se cabe, aínda máis. O seu autor, químico de profesión, ademais de talentoso escritor, evoca varias aventuras humanas fascinantes, ligadas cada unha delas a un elemento químico. Comeza co argon, lembrando aos seus nobres antepasados; ségueo o relato dunha amizade de ferro; conta as desventuras que sofre quen confunde semellantes (ou substitúe o sodio polo potasio); o maleable e brando vanadio sérvelle para preguntarse se a pasividade ante o mal é responsable; o arsénico, arma para o cruel asasinato, tamén pode enxalzar a dignidade do perdón; o envelenamento que castigaba aos primitivos mineiros do chumbo é lendario; sublime a obtención do mercurio; e así sucesivamente con, nada menos que, vinte e un elementos. “Ao chegar a este momento da vida, que químico, ante a táboa periódica non recoñece, espallados por ela, os farrapos ou os trofeos do propio pasado profesional?… Ocorre, pois, que cada elemento lle di algo a cada un (a cada cal unha cousa diferente), igual que pasa cos vales ou as praias visitadas durante a mocidade”.
Ao longo de todo o artigo atereime a estas indicacións. Inspirándome en Primo Levi quero lembrar os elementos da táboa periódica que me gustan e as historias que me suxiren; non comentarei as súas propiedades, obtención ou reaccións, tampouco destacarei a súa importa química ou económica, describirei as distintas ideas, nostalxias e emocións que espertan en min; porque eses coñecementos e esa paixón téntolla comunicar aos meus alumnos.
Como citar este artigo:
Armesto Ramón, C. (2020). Primo Levi, a Táboa Periódica e máis eu. Boletín das Ciencias, 90, 61-74. DOI: 10.54954/202090061.