Boletín das Ciencias, núm. 95, páx. 155-177 (2023)
https://doi.org/10.54954/202395155
Acceso ao artigo completo en PDF
Resolución cooperativa de problemas aritméticos con bloques multibase
Estefanía Del Campo Palacín, Pablo González Sequeiros (Universidade de Santiago de Compostela)
Preséntase unha experiencia nunha aula de 4º de primaria que xurdiu como resposta ás dificultades que presentaba o alumnado na resolución de problemas aritméticos, que se viran acrecentadas como consecuencia da situación derivada da pandemia provocada pola COVID-19 no curso anterior. Para dar resposta a estas dificultades desenvolveuse un obradoiro cooperativo de resolución de problemas con base ao emprego de material manipulable (regretas e bloques de base 10) coa idea de fortalecer no alumnado a idea de agrupamento e a representación mental da descomposición numérica, tentando promover que a partir de aí desenvolveran as súas propias estratexias de cálculo. A aula organizouse en grupos heteroxéneos de entre 4 e 5 compoñentes, dentro dos que se asignaron roles determinados. A proposta desenvolveuse en dúas partes diferenciadas: unha primeira na que se introduciu o material manipulable e se traballaron os problemas de estrutura aditiva, en base a contidos coñecidos, e unha segunda onde se construíron as táboas de multiplicar e se resolveron problemas de estrutura multiplicativa. As evidencias recollidas na avaliación poñen de manifesto o progreso do alumnado en relación á identificación dos datos, o emprego de diferentes representacións, a comunicación de resultados, a formulación de conxecturas ou o establecemento de conexións coa vida real, e, principalmente, á regulación das propias emocións.
Como citar este artigo:
Del Campo Palacín, E., González-Sequeiros, P. (2023). Resolución cooperativa de problemas aritméticos con bloques multibase. Boletín das Ciencias, 95, 155-177. DOI: 10.54954/202395155