Boletín das Ciencias, núm. 87, páx. 219-229 (2019)
https://doi.org/10.54954/201987219
Acceso ao artigo completo en PDF
O Sistema Periódico na didáctica da aula
María J. Romero, Carmen Romero, Sandra Fernández-Fariña e Luis M. González-Barcia (Universidade de Santiago de Compostela)
O sistema periódico (SP) debe considerarse como un recurso didáctico importante na aula: non só permite relacionar a posición que ocupa un elemento químico no SP coa súa configuración, natureza e reactividade, senón que é unha ferramenta que permite traballar outros contidos transversais: a historia, as contribucións de mulleres científicas, o emprego das TIC, …, etc. Neste traballo falaremos sobre a utilidade didáctica da Táboa Periódica na aula, por medio de xogos e outras actividades educativas de modo que nos axuden a ensinarlles o sistema periódico dos elementos químicos e as súas propiedades, aos alumnos, de forma máis sinxela e amena.
Na actualidade existe unha falta de motivación e certa pasividade nos alumnos de educación secundaria en canto á aprendizaxe da Química. Para entender a Química é fundamental saber como se organiza a Táboa Periódica e como se extrae a información que hai nela. É por isto que é necesario a busca de novas alternativas na aula así como de novas metodoloxías innovadoras que, mediante o uso de recursos didácticos adecuados, fomenten a creatividade e a participación tanto de alumnos como de profesores na aula.
Fomentar a motivación e espertar o interese dos estudantes para coñecer os elementos químicos, comprender a súa organización na Táboa Periódica e razoar as súas tendencias, son factores importantes á hora de superar as dificultades que lles podan xurdir durante o proceso de aprendizaxe. Neste sentido, as actividades didácticas centradas na Táboa Periódica que impliquen un alto grao de participación por parte dos estudantes na aula resultan de grande utilidade.
Como citar este artigo:
Romero, M. J., Romero, C., Fernández-Fariña, S., González-Barcia, L. M. (2019). O Sistema Periódico na didáctica da aula. Boletín das Ciencias, 87, 219-229. DOI: 10.54954/201987219.