Medindo na casa a concentración dunha disolución con soluto gasoso

Boletín das Ciencias, núm. 92, páx. 27-35

https://doi.org/10.54954/202192027

Acceso ao artigo completo en PDF

Medindo na casa a concentración dunha disolución con soluto gasoso

R. Cid Manzano, I. Valiña Lema (IES de Curtis)

As actividades experimentais conectadas co currículo escolar realizadas polo alumnado nas súas casas non son só un complemento ás levadas a cabo no centro escolar -suplindo as máis das veces a falta de tempo nas materias de ciencias nalgúns cursos da secundaria obrigatoria – senón que en si mesmo poden chegar a ser para os estudantes enormemente enriquecedoras en si mesmas en termos de aprendizaxe.
Presentamos aquí un traballo experimental proposto ao alumnado de 3º da ESO na materia de Física e Química consistente en medir nas súas casas a concentración de dióxido de carbono nun refresco carbonatado, e vendo como varía a súa concentración co tempo e a temperatura. Esta actividade formou parte dun grupo de traballos procedimentais voluntarios formulados a este alumnado durante o confinamento pola pandemia da Covid-19, aínda que tamén forma parte dunha estratexia habitual para os contidos procedimentais neste curso, debido a que só se conta con dúas sesións lectivas por semana.
A acción aquí presentada ten unha tripla implicación, pois dunha parte permite abordar un contido moi importante no currículo de Física e Química, como é a medida de concentracións de disolucións; doutra, implica a presenza dun soluto gasoso, que non é nada habitual para este tipo de actividades; e en terceiro lugar está o contexto, xa que aborda un asunto cercano ao alumnado, como a cantidade de gas que ten un refresco (que é unha das súas propiedades máis características) e como depende ela da temperatura e o tempo.

Como citar este artigo:

Cid Manzano, R. e Valiña Lema, I. (2021). Medindo na casa a concentración dunha disolución con soluto gasoso. Boletín das Ciencias, 92, 27-35. DOI: 10.54954/202192027.