Boletín das Ciencias, núm. 90, páx. 75-96 (2020).
https://doi.org/10.54954/202090075
Acceso ao artigo completo en PDF
Marie Anne Paulze no descubrimento do osíxeno
Ana M. González-Noya, Manuel R. Bermejo e Xoana Pintos Barral (Universidade de Santiago de Compostela)
Nunha comunicación presentada por nós no XXXII Congreso de ENCIGA, celebrado en Viveiro no ano 2019, titulada “MARIE ANNE e a TÁBOA PERIÓDICA” falabamos da vida desta científica para, comprendendo como fora a súa formación académico-científica, estar en condicións de asimilar mellor as súas contribucións ao desenvolvemento da Táboa Periódica, na celebración do “ Ano Internacional da Táboa Periódica”. Tamén pretendiamos comprender cal foi a contribución de Marie ao mundo da química axudando ao seu gran Pygmalion: Antoine Laurent Lavoisier.
Nesa comunicación pódese entender cal é a nosa reflexión sobre a súa contribución ao desenvolvemento da táboa periódica ao longo do último terzo do século XVIII, de modo particular; canto debeu colaborar Marie Anne – sempre do lado e da man do seu admirado e idolatrado Lavoisier- ao establecemento da primeira táboa das “Substancias simples” que aparece no “Tratado Elemental de Química” publicado por Antoine no ano 1789.
Debemos lembrar que a táboa periódica que hoxe coñecemos e celebramos é froito do xenio de Mendeleev; pero tamén debemos citar a importancia das contribucións de Julius Lothar Meyer (quen fai 150 anos chegou ás mesmas conclusións que Dimitri, pero non se atreveu a publicalas e, por iso, chegou tarde á historia).Tamén cómpre insistir en que houbo moitas outras achegas na historia da química á construción da táboa periódica definitiva. Hai algunha evidencia da posible contribución de Marie Anne á construción ou elaboración das distintas táboas periódicas da historia? Estivo presente ou actuou significativamente no descubrimento dalgún elemento químico? Verémolo logo.
Como citar este artigo:
González-Noya, A. M., Bermejo, M. R., Pintos Barral, X. (2020). Marie Anne Paulze no descubrimento do osíxeno. Boletín das Ciencias, 90, 75-96. DOI: 10.54954/202090075.