Boletín das Ciencias, núm. 95, páx. 39-60 (2023)
https://doi.org/10.54954/202395039
Acceso ao artigo completo en PDF
A táboa periódica do IES Lucus Augusti: a máis antiga de Galicia?
Manuel R. Bermejo, Marcelino Maneiro (Universidade de Santiago de Compostela)
Xoán Carlos Rodríguez (IES Lucus Augusti)
Neste traballo que hoxe presentamos pretendemos chamar a vosa atención sobre o moito e valioso material científico que pode existir nos vosos centros, e ao que non se lle dá valor ningún, para que vós, o valoricedes e evitedes que se perda. Pedímosvos e animámosvos a que vos convertades en gardiáns dese preciado material que poda existir nos vosos centros. Tedes a obriga de gardalo para a posterioridade esperando que, algún día, teñamos cartos dabondo como para transformar todo ese material, hoxe morto, nun museo vivo en cada un dos vosos centros, orgullo de todos vós e de todos nós. Mentres tanto chegue ese día, conseguide que non se perda ningunha peza das existentes: evitade que, algún desaprensivo, as leve para adornar algunha sala da súa casa, por considerar que son “antigas e bonitas”.
Neste artigo, e como exemplo de canto podemos facer, imos presentarvos a historia dunha peza que, os autores, consideramos, tal vez como única, e que xa está recuperada e salvada para o futuro: unha Táboa Periódica existente no IES Lucus Augusti. Pretendemos con este traballo dála a coñecer a toda a nosa comunidade, reflexionar sobre unha posible data de edición e animarvos a que fagades outro tanto con moito dese material existente nos vosos centros. Ao mesmo tempo é a nosa intención a de afondar máis nun mellor coñecemento sobre a historia viva da Táboa Periódica.
Como citar este artigo:
Bermejo, M. R., Maneiro, M., Rodríguez, X. C. (2023). A táboa periódica do IES Lucus Augusti: a máis antiga de Galicia?. Boletín das Ciencias, 95, 39-60. DOI: 10.54954/202395039.