Boletín das Ciencias, núm. 90, páx. 121-128 (2020).
https://doi.org/10.54954/202090121
Acceso ao artigo completo en PDF
A Táboa Periódica, a Química e os medios de comunicación
Manuel Vicente García (Efervesciencia)
Recoñezámolo xa de primeiras. A Táboa Periódica dos Elementos non abre telexornais nin é portada dos xornais. Pero debería ser así? Probablemente si. Actualidade, interese público, relevancia social, proximidade, exclusividade… estes son algún dos criterios que teñen en conta os xornalistas á hora de decidir que unha información merece ser contada ou non. Son os chamados criterios de noticiabilidade.
Entender como funcionan estes criterios de noticiabilidade é fundamental para analizar o labor dos medios de comunicación. Un criterio moi poderoso é o de proximidade. Se houbese intervención galega directa no descubrimento dalgún dos novísimos elementos da Táboa Periódica de seguro que isto dispararía automaticamente o interese dos medios locais.
Case non hai aparición dun científico nos medios de comunicación xeneralistas que non deixa de enfrontarse á pregunta: “E para que vale na práctica a súa investigación?” E isto é válido tanto para quen investiga sobre obesidade como quen é especialista en teoría de cordas ou cosmoloxía inflacionaria. Este “Paraqueísmo” explica a ampla difusión, por exemplo, de novas sobre a saúde en contraposición coas relacionadas coa chamada “ciencia básica”.
Outro criterio que determina a elixibilidade dunha determinada información é a “curiosidade”. Aínda que en ocasións, isto lévase ao extremo en determinados contedores informativos que se enchen exclusivamente de anécdotas que se elevan a categoría de novas.
Como citar este artigo:
Vicente, M. (2020). A Táboa Periódica, a Química e os medios de comunicación. Boletín das Ciencias, 90, 121-128. DOI: 10.54954/202090121.